domingo, 18 de novembro de 2018

As mulleres de "Drácula" (II): mulleres "como é debido"

Acaba o capítulo IV con Harker "abandoado" por Drácula en mans desas "mulleres demoníacas" que o acosan sexualmente e ábrese o capítulo V coa correspondencia de dúas mulleres victorianas. Da existencia dunha delas xa tiñamos noticia, pois non é outra que Mina, a prometida de Harker. Qué nos di de si mesma?
A través da carta que Mina escribe á súa amiga Lucy enterámonos de que é "mestra auxiliar", unha das poucas profesións que podía desempeñar "unha muller decente" na Inglaterra victoriana. Tamén nos enteramos de que practica a taquigrafía e a mecanografía, para... Prosperar na súa profesión? Non, para axudar no traballo ao seu futuro esposo. Non o di, pero ata é posible que pense en deixar a súa profesión para adicarse a ser, a tempo completo, a "señora de Harker".
Máis interesantes aínda son as respostas de Lucy. É rica e non traballa. Só espera que lle pidan matrimonio; e recibe tres peticións nun só día, o que lle provoca unha emoción que case nin se molesta en disimular.
Antes de entrar na elección de Lucy, fixémonos no que di das mulleres: "Temo que as mulleres non sempre somos tan honestas como deberíamos"; "Miña querida Mina, por qué os homes posúen tal grandeza de alma, cando nós, as mulleres, somos indignas deles?"
Non nos imos estender na coquetería de Lucy e no seu indisimulado goce polas tres proposicións de matrimonio, porque saltan á vista e son doadas de verificar. Só queremos suliñar que se trata dunha muller da súa clase social e do seu tempo, que ten interiorizado o discurso misóxino, aínda que é perfectamente consciente da hipocresía que implica.
Agora ben, é consciente do que representa a súa elección? Stoker convértea nun Paris feminimo, e, coma o príncipe troiano, debe elixir entre a beleza (Morris, o texano/Afrodita), a sabedoría (o doutor Seward/Atenea) e a posición social (Holmwood/Hera). A súa elección, non o oculta, está tomada dende o principio. Opta pola posición social. Pero sigamos lendo. Pode haber forzas con que ela non conta, forzas irracionais e tentadoras contra as que, quizáis, non teña unha forza de vontade tan férrea como a de Harker.
'O xuízo de Paris', Rubens






1 comentario:

  1. Que interesante a peculiar personalidade de Lucy e que cambio radical se opera nela! É curioso como axuda a isto o seu costume de noctámbula.
    Moi ben traído, profe de latín, este xuízo de Lucy-Paris feminino porque efectivamente se dá a mesma situación; o cadro de Rubens para ilustrar é, para min, unha óptima elección!
    Noraboa!Isto promete!

    ResponderEliminar

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.