"Unha desapacible noite de novembro contemplei o final dos meus esforzos". Así comeza o capítulo 4. Cál é a reacción de Víctor ante a súa creación? Disgusto, repugnancia e horror. Vexamos con qué palabras se refire a el: "enxendro", "monstro miserable", "criatura", "enemigo", "horrendo hóspede", "aborrecido espectro"...
A criatura é filla do cerebro e da narcisista individualidade de Frankenstein. Non é un fillo do amor, como puido selo de ser enxendrado en unión coa súa prima Elizabeth; ou como era a propia Elizabeth, acollida e adoptada polos pais de Víctor. As mulleres da familia representan o que se agarda e se alaba nas mulleres: o seu papel de coidadoras. Son as mulleres quen coidan e dan amor. Lembremos que a sra. Frankenstein morre, precisamente, como consecuencia dos coidados que prodiga a Justine, a criada familiarmente acollida, de quen se contaxia. Tamén Justine trata ao pequeno William como ao seu propio fillo e coida amorosamente da súa nai biolóxica, a pesar dos malos tratos dela recibidos. E Elizabeth? Cando a sra. Frankenstein morre, ocupa o seu lugar, "prodigando amor" e criando aos seus primos. Víctor, en cambio, só cultiva as súas propias afeccións e a súa propia personalidade. Quere crear un fillo que satisfaga o seu ego e, ao ver o resultado, compórtase coma un neno cun xoguete que xa non quere. Non lle satisface o resultado e desbótao, apártase, abándoao. En ningún momento se interesa por el e polas súas necesidades. O seu aspecto repúgnalle e iso é todo canto ve. Do mesmo xeito se comportan algúns pais e nais contemporáneos que só pensan na súa satisfacción persoal.
A criatura (nin sequera chega a ter un nome) fica abandoada á súa sorte e de novo lembramos os versos de Milton que figuran ao comezo da novela: "Meu Creador, acaso pedinche eu que me fixeses home con barro e que me levases das tebras á luz?"
Víctor, Víctor... Ata o teu nome ("Vencedor") é unha burla... Fracasaches, pero non coma científico, senón coma persoa. Só pensas en ti mesmo. Agora, as túas accións terán consecuencias para ti e para a xente que está ligada a ti por uns lazos de afecto que non soubeches valorar. Víctor, Víctor... Quén é o verdadeiro "monstro"?
Tes toda a razón, Ramiro, na túa reflexión sobre un tema que nestes tempos é de penosa actualidade.
ResponderEliminarÁs veces @s fill@s convértense nas prolongacións do ego dos pais e das nais e non é doado tampouco para eles e elas, sobre os que recae o tremendo peso das expectativas e das necesidades depositadas, deixar de ser o self-obxecto das familias.
Cómpre educar a @s fill@s como suxeitos e non como obxectos, libres do concepto de propiedade privada. Hai tempo que se superou a lóxica do Dereito Romano, o poder do "paterfamilias" como pieza clave da familia.
E de novo o mundo clásico acompaña a nosa lectura, non nos libramos!
Daranos para debatir e comentar esta lectura.