xoves, 13 de febreiro de 2020

Retrato dunha obsesión

Nos capítulos dous e tres do primeiro volume asistimos ao retrato dunha obsesión, a obsesión polo coñecemento, que se acentúa cando Frankenstein fai o seu descubrimento, a capacidade de "infundir vida na materia inerte" (páx. 45).
Absorbido polo traballo, Frankenstein descoida a relación coa súa propia familia: "(...) Eu estaba cego aos engados da natureza. Os mesmos sentimentos que me fixeron insensible ao que me rodeaba fixéronme esquecer a aqueles amigos, tan lonxe de min, a quen no vira había moito tempo" (páx. 48).
A obsesión de Frankenstein ten consecuencias no seu estado físico e mental ("cada noite tiña accesos de febre e volvinme máis nervioso"; "empalidecido, demacrado"; páx. 49), pero non é quen de parar. A súa soberbia e o seu afán de gloria, o seu narcisismo, son máis fortes ca el: "unha nova especie bendeciríame coma o seu creador, moitos seres felices e marabillosos deberíanme a súa existencia" (páx. 47). Nestas condicións, ata a súa humanidade resulta afectada e vólvese cruel: "quén pode imaxinar os horrores da miña oculta labor, remexendo na húmeda escuridade das tumbas ou atormentando a algún animal vivo para intentar animar a lama inerte?" (páx. 47). De novo, unha alusión á lama primixenia, é dicir, unha alusión ao acto da creación... A soberbia de Frankenstein lévao a imitar ao propio Deus. A mitoloxía grega está plagada de persoaxes que tentaron competir coa divinidade, experimentando terribles castigos: non só Prometeo, do que xa falamos; tamén Marsias, ou Aracne, por poñer un par de exemplos.

Nota: a numeración das páxinas que citamos é a da edición de Anaya.


2 comentarios:

  1. Interesantísima reflexión, Ramiro, e magnificamente traída a referencia á
    ὕβρις; a mitoloxía grega está chea de personaxes cuxa desmesura, orgullo e altivez foron brutalmente castigados polos deuses.
    Gústame a tradución italiana deste termo: tracotanza, de "ultra" e "cogitare".
    "Nella cultura greca antica a ὕβρις è anche la personificazione della prevaricazione dell’uomo contro il volere divino: è l’orgoglio che, derivato dalla propria potenza o fortuna, si manifesta con un atteggiamento di ostinata sopravvalutazione delle proprie forze, e come tale viene punito dagli dèi direttamente o attraverso la condanna delle istituzioni terrene (per es., la h. di Prometeo), como ben explica o Dicionario Treccani.
    Que xogo vai dar isto nas nosas xuntazas e canto van aprender do mundo clásico @s nos@s alumn@s este curso!

    ResponderEliminar
  2. "ultra cogitare": fermosísima expresión para plasmar o concepto.

    ResponderEliminar

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.