xoves, 16 de xaneiro de 2020

O ano sen verán (1816)

O ano de 1816 foi coñecido como "o ano sen verán". Coincidiron a etapa final dun período frío coñecido como "a pequena idade de xeo", unha caída na actividade solar e, finalmente, a erupción do volcán de Tambora, en Indonesia, que foi a maior erupción volcánica rexistrada na historia. O estoupido escoitouse a 2.000 km de distancia e a presenza de cinzas na atmósfera provocou no hemisferio Norte un inverno severo que arruinou as colleitas. Como veremos, o frío, a neve e o xeo teñen unha destacada presenza na novela de Mary. Invitámosvos a reparar nela.

Ese verán de 1816, o poeta Percy B. Shelley, a súa compañeira, Mary, coa que se fugara dous anos antes, e unha das irmás de Mary, Claire, viaxaron a Suiza e visitaron na Vila Diodati, xunto ao lago Lemán, ao poeta Lord Byron e ao seu médico persoal, o doutor Polidori. Nunha das reunións do grupo, aburridos da chuvia e o mal tempo, decidiron que cada un deles imaxinaría unha historia de terror coa que entreterse. Dese reto xurdirían dúas novelas, 'O vampiro', do doutor Polidori (no que se inspiraría décadas despóis o 'Drácula' de Stoker) e 'Frankenstein', de Mary Shelley.





2 comentarios:

  1. Esta entrada tróuxome á memoria outra novela, "A neve interminable", do gran mestre Agustín Fernández Paz;el mesmo contou que unha noticia publicada no ano 1815 foi o detonante desta historia que ten un plantexamento similar. Un equipo de guionistas decide aloxarse nunha casa rural dunha recóndita aldea galega co propósito de recoller ideas para crear argumentos útiles para os capítulos dunha serie de televisión de xénero de misterio e terror cuxo título é “As fronteiras do medo".

    Pouco tempo despois, comeza a caer unha nevada que parece non ter fin e danse de conta de que están totalmente incomunicados, lonxe de calquera parte habitada. Convencidos de que todo pronto rematará, cada un dos membros do equipo de guionistas escribe un relato que lles inspira a súa estancia nese lugar.
    Todos os relatos que escriben teñen en común o terror en todas as súas formas. Ao mesmo tempo, na casa rural prodúcense sucesos cada vez máis estranos e os seus propietarios son personaxes raros que despertan sospeitas...
    Déixoo aí, que non quero facer "spoiler", jajaja, porque podría ser unha boa idea propoñelo como lectura ao remate do noso "Frankenstein".

    ResponderEliminar

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.