venres, 24 de xaneiro de 2020

O pecado orixinal

O capitán Walton, embarcado na procura do Polo Norte, divisa nun banco de xeo unha estraña criatura de aspecto humano e pouco despóis rescata a un doutor suizo, o doutor Frankenstein, que se atopa nun estado físico e mental lamentable. Walton consegue o restablecemento do doutor, pero este négase durante un tempo a contarlle o seu drama e a compartir a carga que pesa sobre a súa alma. Finalmente, decide contarlle ao explorador a súa historia. Por qué? Porque ve unha semellanza moi clara entre os dous:
"Busca usted el conocimiento y la sabiduría, como me sucedió a mí antaño. Deseo con fervor que el fruto de sus ansias no se convierta para usted en una serpiente que le muerda, como me ocurrió a mí" ('Frankenstein', ed. Anaya, páx. 23)
A imaxe da serpe é fundamental. Estanos remitindo aos versos que encabezan a obra, os versos do 'Paraíso Perdido' de Milton, pero tamén ao subtítulo, 'o moderno Prometeo'. O mito grego e a historia da Xénese narran cál é a carga que arrastra a Humanidade: a adquisición do coñecemento e a conquista da conciencia, que, unha vez adquiridos, marcan un camiño sen volta atrás. O coñecemento é unha arma de dobre filo, que permite o progreso, pero tamén leva aparellados problemas que non foran previstos: a guerra, a acumulación, a destrucción da natureza... Coa conciencia e a sabedoría, o ser humano xa non é un ser natural, coma o resto das especies, perde a comunión coa natureza, a inocencia, o paraíso, e convértese nun ser cultural. Quizais non sexa casual que un dos poemas máis coñecidos de Percy B. Shelley, esposo de Mary, fale da serpe.
En efecto, o desexo de Walton por alcanzar o Polo Norte é unha obsesión tan forte coma a que Frankenstein nos amosará no relato da súa desgraza. Walton deixa atrás á súa irmá, os seus afectos, e adéntrase no frío e no xeo. Coma para Frankenstein, o frío (a morte, a materia morta) é o núcleo do seu traballo e da súa obsesiva tarefa.
Por outra banda, ónde remata o afán de coñecemento e ónde comeza o afán de recoñecemento? Tanto Walton coma Frankenstein amósanse ansiosos de gloria e imprudentes, capaces de sacrificalo todo no altar da súa soberbia, outro pecado moi ligado á sabedoría.
Quizáis debemos lembrar, coma contrapeso á nosa soberbia intelectual, os versos do coro das 'Bacantes', de Eurípides: "das linguas sen freno, da demencia sen norma o fin é o infortunio. O sabio non é o saber, nin pensar en cousas que nos superan.... O que as xentes sinxelas aman e respetan, iso é o que procuro".
Podedes ver ou descargar esta presentación sobre o paraíso perdido na arte, que debemos á amabilidade do esposo de Elba, profesor de Historia da Arte.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.