luns, 8 de novembro de 2021

A BIBLIOTECA

Trala conversa co abade Abbone, parece que frei Guillermo verá frustrado o seu desexo de coñecer a maior biblioteca da cristiandade. Ao longo da conversa, Abbone defende a idea de que non se pode permitir o libre acceso de todo o mundo a calquera libro, pois algúns conteñen "ideas perigosas". Non obstante, tamén defende que eses libros deben ser conservados, pois os erros, as ideas perigosas e "os monstros" tamén forman parte do plan divino.

Con respecto á conservación da literatura clásica durante a Idade Media, debemos suliñar que non houbo unha destrución sistemática desta, aínda que formaran parte dunha civilización pagana ou fose portadora dunha filosofía que, en principio, nada tiña que ver co cristianismo. A cultura cristiana non rachou radicalmente coa cultura pagana, recoñecendo os seus valores. En moitos casos, produciuse unha adaptación da filosofía grega ao cristianismo, como sucedeu con Aristóteles. Neste mesmo capítulo, Abbone fai referencia a Santo Tomás de Aquino, quen tratou de probar a existencia de Deus con argumentos racionais. De feito, a filosofía tomista é, básicamente, a cristianización da filosofía aristotélica.

A perda de obras da tradición clásica durante a Idade Media debeuse, na maior parte dos casos, ao desinterés por certos autores e ao alto prezo do pergamino, de modo que moitas obras gregas e latinas foron borradas para escribir por riba textos de autores cristiáns: son os chamados "palimpsestos".

 


 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.