martes, 15 de febreiro de 2022

O labirinto

Xa temos a frei Guillermo e a Adso na biblioteca, que resulta ser un labirinto. O tema do labirinto é antigo. Atopámolo xa na mitoloxía grega, na historia de Teseo, que se introduce no labirinto de Creta para enfrontarse ao Minotauro.

Ao longo da cultura occidental, o labirinto reaparece a miúdo na literatura e na arte. No século XX, o escritor arxentino Jorge Luis Borges trata en varias ocasións o tema do labirinto, por exemplo, no relato breve titulado 'A casa de Asterión', que é unha recreación do mito de Teseo. En 'La Biblioteca de Babel' imaxinou unha biblioteca onde tiñan cabida tódolos libros posibles, con tódalas variantes imaxinables, en tódolos idiomas; un labirinto que se aproxima ao mesmo Universo. Lembremos: entre a alfa e a omega, a primeira e a última das letras gregas, todo cabe no alfabeto.

Tendo en conta as xa mentadas - noutras entradas deste blog- similitudes entre Jorge Luis Borges e Jorge de Burgos (o nome, a cegueira, o cargo de bibliotecario...), non é aventurado pensar que Eco tiña en mente a biblioteca de Babel imaxinada por Borges cando concebiu a biblioteca da abadía.


 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.