venres, 19 de xaneiro de 2024

As mulleres de 'Drácula' (II): mulleres "como é debido"

 Acaba o capítulo IV con Harker "abandoado" por Drácula en mans desas "mulleres demoníacas" que o acosan sexualmente e ábrese o capítulo V coa correspondencia de dúas mulleres victorianas. Da existencia dunha delas xa tiñamos noticia, pois non é outra que Mina, a prometida de Harker. Qué nos di de si mesma?

A través da carta que Mina escribe á súa amiga Lucy enterámonos de que é "mestra auxiliar", unha das poucas profesións que podía desempeñar "unha muller decente" na Inglaterra victoriana. Tamén nos enteramos de que practica a taquigrafía e a mecanografía, para... Prosperar na súa profesión? Non, para axudar no traballo ao seu futuro esposo. Non o di, pero ata é posible que pense en deixar a súa profesión para adicarse a ser, a tempo completo, a "señora de Harker". En capítulos posteriores veremos cómo Mina fai referencia ao seu desexo de ser periodista, que deixa de lado para casar, cómo incluso aprende de memoria os horarios de trens para axudar ao seu esposo, e tamén cómo non pode evitar facer unha broma ao doutor van Helsing, a quen lle entrega uns papeis escritos en taquigrafía, para satisfacer o seu ego; e ela misma explica este acto polo "regusto da mazá de Ëva".
Máis interesantes aínda son as respostas de Lucy. É rica e non traballa. Só espera que lle pidan matrimonio; e recibe tres peticións nun só día, o que lle provoca unha emoción que case nin se molesta en disimular.
Antes de entrar na elección de Lucy, fixémonos no que di das mulleres: "Temo que as mulleres non sempre somos tan honestas como deberíamos"; "Miña querida Mina, por qué os homes posúen tal grandeza de alma, cando nós, as mulleres, somos indignas deles?"
Non nos imos estender na coquetería de Lucy e no seu indisimulado goce polas tres proposicións de matrimonio, porque saltan á vista e son doadas de verificar. Só queremos suliñar que se trata dunha muller da súa clase social e do seu tempo, que ten interiorizado o discurso misóxino, aínda que é perfectamente consciente da hipocresía que implica.
Agora ben, é consciente do que representa a súa elección? Stoker convértea nun Paris feminimo, e, coma o príncipe troiano, debe elixir entre a beleza (Morris, o texano/Afrodita), a sabedoría (o doutor Seward/Atenea) e a posición social (Holmwood/Hera). A súa elección, non o oculta, está tomada dende o principio. Opta pola posición social. Pero sigamos lendo. Pode haber forzas con que ela non conta, forzas irracionais e tentadoras contra as que, quizáis, non teña unha forza de vontade tan férrea como a de Harker.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Podes comentar o que desexes, sempre que o fagas dende o respeto. Agarda a que os teus comentarios sexan aprobados. Grazas.