Amosando publicacións coa etiqueta Frankenstein. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Frankenstein. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de marzo de 2020

Blade runner: visita ao creador

Escea da película Blade Runner, onde un "replicante" creado pola compañía Tyrell mediante bioenxeñaría, visita ao seu " creador".
-Pode o creador reparar o que fixo?
Tamén en 'Frankenstein' hai duros enfrontamentos dialécticos entre a "criatura" abandoada e o seu creador.


xoves, 13 de febreiro de 2020

Quén é o "monstro"?

"Unha desapacible noite de novembro contemplei o final dos meus esforzos". Así comeza o capítulo 4. Cál é a reacción de Víctor ante a súa creación? Disgusto, repugnancia e horror. Vexamos con qué palabras se refire a el: "enxendro", "monstro miserable", "criatura", "enemigo", "horrendo hóspede", "aborrecido espectro"...
A criatura é filla do cerebro e da narcisista individualidade de Frankenstein. Non é un fillo do amor, como puido selo de ser enxendrado en unión coa súa prima Elizabeth; ou como era a propia Elizabeth, acollida e adoptada polos pais de Víctor. As mulleres da familia representan o que se agarda e se alaba nas mulleres: o seu papel de coidadoras. Son as mulleres quen coidan e dan amor. Lembremos que a sra. Frankenstein morre, precisamente, como consecuencia dos coidados que prodiga a Justine, a criada familiarmente acollida, de quen se contaxia. Tamén Justine trata ao pequeno William como ao seu propio fillo e coida amorosamente da súa nai biolóxica, a pesar dos malos tratos dela recibidos. E Elizabeth? Cando a sra. Frankenstein morre, ocupa o seu lugar, "prodigando amor" e criando aos seus primos.  Víctor, en cambio, só cultiva as súas propias afeccións e a súa propia personalidade. Quere crear un fillo que satisfaga o seu ego e, ao ver o resultado, compórtase coma un neno cun xoguete que xa non quere. Non lle satisface o resultado e desbótao, apártase, abándoao. En ningún momento se interesa por el e polas súas necesidades. O seu aspecto repúgnalle e iso é todo canto ve. Do mesmo xeito se comportan algúns pais e nais contemporáneos que só pensan na súa satisfacción persoal.
A criatura (nin sequera chega a ter un nome) fica abandoada á súa sorte e de novo lembramos os versos de Milton que figuran ao comezo da novela: "Meu Creador, acaso pedinche eu que me fixeses home con barro e que me levases das tebras á luz?"
Víctor, Víctor... Ata o teu nome ("Vencedor") é unha burla... Fracasaches, pero non coma científico, senón coma persoa. Só pensas en ti mesmo. Agora, as túas accións terán consecuencias para ti e para a xente que está ligada a ti por uns lazos de afecto que non soubeches valorar. Víctor, Víctor... Quén é o verdadeiro "monstro"?



Retrato dunha obsesión

Nos capítulos dous e tres do primeiro volume asistimos ao retrato dunha obsesión, a obsesión polo coñecemento, que se acentúa cando Frankenstein fai o seu descubrimento, a capacidade de "infundir vida na materia inerte" (páx. 45).
Absorbido polo traballo, Frankenstein descoida a relación coa súa propia familia: "(...) Eu estaba cego aos engados da natureza. Os mesmos sentimentos que me fixeron insensible ao que me rodeaba fixéronme esquecer a aqueles amigos, tan lonxe de min, a quen no vira había moito tempo" (páx. 48).
A obsesión de Frankenstein ten consecuencias no seu estado físico e mental ("cada noite tiña accesos de febre e volvinme máis nervioso"; "empalidecido, demacrado"; páx. 49), pero non é quen de parar. A súa soberbia e o seu afán de gloria, o seu narcisismo, son máis fortes ca el: "unha nova especie bendeciríame coma o seu creador, moitos seres felices e marabillosos deberíanme a súa existencia" (páx. 47). Nestas condicións, ata a súa humanidade resulta afectada e vólvese cruel: "quén pode imaxinar os horrores da miña oculta labor, remexendo na húmeda escuridade das tumbas ou atormentando a algún animal vivo para intentar animar a lama inerte?" (páx. 47). De novo, unha alusión á lama primixenia, é dicir, unha alusión ao acto da creación... A soberbia de Frankenstein lévao a imitar ao propio Deus. A mitoloxía grega está plagada de persoaxes que tentaron competir coa divinidade, experimentando terribles castigos: non só Prometeo, do que xa falamos; tamén Marsias, ou Aracne, por poñer un par de exemplos.

Nota: a numeración das páxinas que citamos é a da edición de Anaya.


venres, 24 de xaneiro de 2020

O pecado orixinal

O capitán Walton, embarcado na procura do Polo Norte, divisa nun banco de xeo unha estraña criatura de aspecto humano e pouco despóis rescata a un doutor suizo, o doutor Frankenstein, que se atopa nun estado físico e mental lamentable. Walton consegue o restablecemento do doutor, pero este négase durante un tempo a contarlle o seu drama e a compartir a carga que pesa sobre a súa alma. Finalmente, decide contarlle ao explorador a súa historia. Por qué? Porque ve unha semellanza moi clara entre os dous:
"Busca usted el conocimiento y la sabiduría, como me sucedió a mí antaño. Deseo con fervor que el fruto de sus ansias no se convierta para usted en una serpiente que le muerda, como me ocurrió a mí" ('Frankenstein', ed. Anaya, páx. 23)
A imaxe da serpe é fundamental. Estanos remitindo aos versos que encabezan a obra, os versos do 'Paraíso Perdido' de Milton, pero tamén ao subtítulo, 'o moderno Prometeo'. O mito grego e a historia da Xénese narran cál é a carga que arrastra a Humanidade: a adquisición do coñecemento e a conquista da conciencia, que, unha vez adquiridos, marcan un camiño sen volta atrás. O coñecemento é unha arma de dobre filo, que permite o progreso, pero tamén leva aparellados problemas que non foran previstos: a guerra, a acumulación, a destrucción da natureza... Coa conciencia e a sabedoría, o ser humano xa non é un ser natural, coma o resto das especies, perde a comunión coa natureza, a inocencia, o paraíso, e convértese nun ser cultural. Quizais non sexa casual que un dos poemas máis coñecidos de Percy B. Shelley, esposo de Mary, fale da serpe.
En efecto, o desexo de Walton por alcanzar o Polo Norte é unha obsesión tan forte coma a que Frankenstein nos amosará no relato da súa desgraza. Walton deixa atrás á súa irmá, os seus afectos, e adéntrase no frío e no xeo. Coma para Frankenstein, o frío (a morte, a materia morta) é o núcleo do seu traballo e da súa obsesiva tarefa.
Por outra banda, ónde remata o afán de coñecemento e ónde comeza o afán de recoñecemento? Tanto Walton coma Frankenstein amósanse ansiosos de gloria e imprudentes, capaces de sacrificalo todo no altar da súa soberbia, outro pecado moi ligado á sabedoría.
Quizáis debemos lembrar, coma contrapeso á nosa soberbia intelectual, os versos do coro das 'Bacantes', de Eurípides: "das linguas sen freno, da demencia sen norma o fin é o infortunio. O sabio non é o saber, nin pensar en cousas que nos superan.... O que as xentes sinxelas aman e respetan, iso é o que procuro".
Podedes ver ou descargar esta presentación sobre o paraíso perdido na arte, que debemos á amabilidade do esposo de Elba, profesor de Historia da Arte.


xoves, 16 de xaneiro de 2020

O ano sen verán (1816)

O ano de 1816 foi coñecido como "o ano sen verán". Coincidiron a etapa final dun período frío coñecido como "a pequena idade de xeo", unha caída na actividade solar e, finalmente, a erupción do volcán de Tambora, en Indonesia, que foi a maior erupción volcánica rexistrada na historia. O estoupido escoitouse a 2.000 km de distancia e a presenza de cinzas na atmósfera provocou no hemisferio Norte un inverno severo que arruinou as colleitas. Como veremos, o frío, a neve e o xeo teñen unha destacada presenza na novela de Mary. Invitámosvos a reparar nela.

Ese verán de 1816, o poeta Percy B. Shelley, a súa compañeira, Mary, coa que se fugara dous anos antes, e unha das irmás de Mary, Claire, viaxaron a Suiza e visitaron na Vila Diodati, xunto ao lago Lemán, ao poeta Lord Byron e ao seu médico persoal, o doutor Polidori. Nunha das reunións do grupo, aburridos da chuvia e o mal tempo, decidiron que cada un deles imaxinaría unha historia de terror coa que entreterse. Dese reto xurdirían dúas novelas, 'O vampiro', do doutor Polidori (no que se inspiraría décadas despóis o 'Drácula' de Stoker) e 'Frankenstein', de Mary Shelley.





xoves, 12 de decembro de 2019

Frankenstein, de Mary Shelley

O ano remata, pero nós comezamos de novo co Club de Lectura. Unha das obras que imos ler é 'Frankenstein ou o moderno Prometeo', de Mary Shelley. Como o titán Prometeo, o doutor Frankenstein pretende converterse en benefactor da Humanidade. Se Prometeo, desafiando a Zeus, levou o lume aos homes (e, por tanto, a Tecnoloxía), o doutor Frankenstein pretende que o coñecemento humano levante o veo que cobre a vida e a morte. Nalgunhas versións do mito, Prometeo é o tamén o  creador da Humanidade, á que modela con lama, de xeito similar a como fixo o Deus de Abraham. Tamén o doutor Frankenstein se erixe en creador, aínda que a súa macabra obra empregará outros materiais: "o matadoiro e a sala de disección proporcionáronme a materia prima".
Achégase o Nadal. Probablemente en New York instalaron xa a tradicional árbore de Nadal do Rockefeller Center, detrás da escultura que representa a Prometeo levando o lume aos homes. Lume e escuridade é o que nos agarda nos próximos meses. Ten tanto que comentar a obra de Mary Shelley que xa nos estremecemos de medo e de pracer. Anímadevos e vide connosco!
Aquí podedes descargar o texto en formato pdf ou en formato epub.